¡Hola! Utilizamos cookies propias y de terceros para analizar el uso de esta web y mejorar tu experiencia de navegación. Al continuar navegando entendemos que aceptas nuestra política de cookies.    Saber máis - Aceptar.
Xornada formativa desenvolvida o 5 de xullo en Santiago de Compostela

A xornada de presentación da edición de 2023 de ES-Mentoring está prevista para o 18 de xullo no Hotel Puerta del Camino (Santiago de Compostela).

 

Aínda que xa comezaron os procesos formativos dirixidos ás persoas que van participar nesta edición como Mentoras, a presentación oficial de ES_Mentoring 2023 terá lugar o 18 de xullo en Santiago de Compostela. Trátase dunha cita aberta dirixida a todas aquelas persoas vinculadas á economía social que desexen participar para coñecer a fondo a iniciativa. O proceso para solicitar ser mentorizada xa está aberto.

Para participar nesta xornada é preciso inscribirse previamente aquí. A data límite para inscribirse é o 14 de xullo.

 

O 18 de xullo, o hotel compostelán Puerta del Camino acollerá esta xornada de presentación da inciativa ES-Mentoring, acompañando á economía social, na súa segunda edición.

Tralo éxito da primeira edición desenvolvida en 2022, AGACA e ESPAZOCOOP, coa colaboración e financiamento da Xunta de Galicia, optaron por dar continuidade a esta iniciativa dirixida ás entidades de economía social que precisen unha orientación para solucionar algún aspecto que supoña un obstáculo no desenvolvemento diario da actividade empresarial ou precisen dar un impulso a algunha área concreta contando co asesoramento de persoas expertas, con traxectoria profesional exitosa previa que están dispostas a darlles o seu apoio servíndose dos seus coñecementos e experiencia, sen custo algún para a entidade mentorizada.

Xa está aberto o proceso de selección das entidades que soliciten ser mentorizadas. Tan só hai que cubrir este formulario.

O Programa

O acto de benvida está previsto para as 10:00 h e nel tomarán parte un representante da Xunta de Galicia, Ana Olveira, presidenta de ESPAZOCOOP e de Carmen Rodríguez, presidenta de AGACA.

O relatorio inaugural correrá a cargo de Jacobo García Durán, asesor de empresas e de emprendedores dende o ámbito público e privado.

O programa inclúe, ademais, o relatorio "A aplicación da tecnoloxía/dixitalización como panca de cambio organizacional nas empresas de economía social actuais de Galicia", impartido por Gerardo Estévez, socio director en Elige Plus Consultores de dirección e profesor en escolas de negocios ao que seguirá, Rafael Vázquez, economista da Fundación Ronsel quen dará as claves necesarias para converterse nun bo mentor.

Tamén contaremos cunha mesa redonda onde se debaterán as principais dificultades de tipo práctico que poden xurdir arredor do proceso de mentoría nas entidades de economía social, integrada polos tres relatores anteriores xunto con Isabel Fraga, presidenta de AEIGA (Asociación de Empresas de Inserción de Galicia).

O acto de clausura está previsto para as 14:00h.

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias colaboran no desenvolvemento da edición 2023 do programa ES-MENTORING tralo éxito acadado no programa piloto realizado no 2022 que amosou a necesidade de consolidar un programa destas características para a Economía Social galega.

Ver Programa (PDF)